arriba
Luns, 11-Novembro-2024   |    Acceso privado

 

 
PortadaseparatorCoñécenosseparatorQuen somos / Horario do centro


Quen somos / Horario do centro


Orixes

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel ten a súa orixe nunha Orde do 11 de novembro de 1969 (BOE 27 novembro 1969) mediante a cal se crea a Escola de Mestría Industrial de Ourense, na que se impartían as ensinanzas de Formación Profesional Industrial correspondentes ao Grao de Mestría na Sección Mecánica da rama do Metal e na rama de Electricidade. Polo que se refire ó Grao de Aprendizaxe, as súas ensinanzas comprendían as seguintes especialidades: Mecánica do automóbil na rama do Automobilismo; Instalador-montador na rama de Electricidade, e Delineante industrial e Delineante da Construción, na de Delineantes.

A súa creación deu resposta ao establecido no Capítulo Terceiro da Lei 14/1970, de 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa e ao Plan Escolar de Galicia.


Politécnico

Por medio do Decreto 2206/1975, de 23 de agosto (BOE 20 setembro 1975) pasou a denominarse «Instituto Politécnico de Formación Profesional» debido á diversidade de especialidades que nel se impartían.

Posteriormente, o centro foi acollendo novas ramas e especialidades, como a Administrativa e Comercial, ata que o seu propio crecemento natural deu lugar a novos centros de FP como o Instituto «A Farixa» (curso 1981/82), centro que se iniciou co propio profesorado e alumnado das especialidades de Delineación e Electrónica procedentes do Instituto Politécnico.

No curso 1987/88 as ramas de Metal e Electricidade foron desprazadas ao Instituto «12 de Outubro» e implantáronse, no noso centro, novas especialidades: nomeadamente, na rama Sanitaria as de Laboratorio, Prótese Dental e Enfermaría. Ampliouse tamén a rama Administrativa coa especialidade de Informática de Xestión.


IES

 img#63628

No curso 1998/99, debido a implantación do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) no centro, trasladouse ao IES Universidade Laboral a rama de Automoción. Pasou a ser, entón, un Instituto de Secundaria coa nova denominación de «IES A Carballeira».

Como consecuencia das sucesivas ampliacións e modificacións da oferta educativa, procedeuse e ampliar e reestruturar o edifico. Inicialmente foi construída a ala frontal Oeste e a zona de obradoiros (destinada na actualidade a aulas polivalentes e laboratorios da Familia de Química e Sanidade). No ano 1996 levouse a cabo a construción do polideportivo cuberto. Posteriormente ampliouse a zona que hoxe ten dúas plantas. Os obradoiros de electricidade e metal reconvertéronse en laboratorios da rama de Sanidade (1988).

A finais do curso 2011/12 mudou de nome pasando a chamarse IES A Carballeira-Marcos Valcárcel como homenaxe ao que fora profesor do centro e historiador, Marcos Valcárcel López.


CIFP

No curso 2013/14 desapareceron as ensinanzas de ESO e de Bacharelato do IES ao converterse nun Centro Integrado de Formación Profesional a través do Decreto 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 25 marzo 2013). Pasa, deste xeito, a integrarse na Rede Galega de Centros Integrados. Nese curso 2013/2014 dá a benvida á incorporación da Familia Profesional de Química, que veu a acompañar ás xa tradicionais de Informática e Sanidade.

 img#46449O ano 2019 supuxo o 50º aniversario do nacemento do Centro Integrado de Formación Profesional «A Carballeira» de Ourense. Foron diversas as xeracións de mozos e mozas, homes e mulleres que depositaron no noso centro a súa confianza nunha formación profesional sólida, seria, garante de respostas eficientes ao máximo nivel de esixencia e actualidade, unha formación profesional moderna, adaptada ás necesidades do tecido produtivo ourensán, galego, español, europeo e internacional.

No curso 2020/2021 incorpóranse ao noso centro ensinanzas da Familia Profesional de Seguridade e Medio Ambiente, coa impartición do CS de Química e Saúde Ambiental. O centro tamén e pioneiro na implantación dos «master» FP co Curso de Especialización en Cultivos Celulares e o Curso de Especialización no Desenvolvemento de Videoxogos e Realidade Virtual, ampliando a oferta formativa actual, que abrangue Formación Profesional en réxime ordinario, modular, de persoas adultas, distancia e dual .

O noso centro é pioneiro en innovación tecnolóxica, científica, didáctica e solidaria. Boa proba diso son os programas internacionais nos que participamos (Comenius, Erasmus,..) ou os oito premios á innovación didáctica e científica recibidos dende o ano 2015 que fan do noso centro un referente na Formación Profesional en Galicia.


Horario do centro

Horario lectivo

Con carácter xeral a xornada lectiva comprende dende as 8:30 ata as 15:00 horas, no réxime ordinario, e no réxime para as persoas adultas e DUAL de 16:00 a 22:20 horas.


O centro abre as portas quince minutos antes do inicio das sesións lectivas e pecha dez minutos despois do aviso sonoro da última sesión, segundo a seguinte distribución de períodos lectivos:

Réxime ordinario
08:30 h - 09:30 h 1º hora lectiva
09:30 h - 10:30 h 2ª hora lectiva
10:30 h - 11:30 h 3ª hora lectiva
11:30 h - 12:00 h RECREO
12:00 h - 13:00 h 4ª hora lectiva
13:00 h - 14:00 h 5ª hora lectiva
14:00 h - 15:00 h 6ª hora lectiva

Réxime para persoas adultas
16:00 h - 17:00 h 1º hora lectiva
17:00 h - 18:00 h 2ª hora lectiva
18:00 h - 19:00 h 3ª hora lectiva
19:00 h - 19:20 h RECREO
19:20 h - 20:20 h 4ª hora lectiva
20:20 h - 21:20 h 5ª hora lectiva
21:20 h - 22:20 h 6ª hora lectiva


Horario de atención ao público

Secretaría
Período lectivo
De luns a venres, de 9:00 h a 14:00 h
Primeiro mércores de cada mes, de 16:00 h a 20:00 h
Período non lectivo
De luns a venres, de 10:00 h a 13:00 h

  

Servizos

Cafetería

A nosa cafetería permanece aberta ininterrumpidamente dende as 9.00 ata as 20.00 horas. Neste espazo poderás desfrutar desde unha gran variedade de bocadillos e un estupendo café ata un económico e diverso menú diario.  E todo aderezado coa amabilidade e bo facer de Flori e Bea.

Copistería

O centro conta cun servizo de realización de fotocopias no espazo de conserxería na que poderás ser atendido/a sempre que a dispoñibilidade das nosas conserxes o faga posible.

Aparcadoiro

O CIFP A Carballeira dispón dun amplo aparcadoiro exclusivo para o alumnado.


Onde estamos


Quen somos /  Horario do centro - Foto 1
Quen somos /  Horario do centro - Foto 2
Quen somos /  Horario do centro - Foto 3
Quen somos /  Horario do centro - Foto 4