Proxectos de innovación
Proxectos de innovación tecnolóxica e didáctica premiados no noso centro
FAMILIA QUÍMICA
2014-15 Análise da presencia de metais en solos de viñedos e as posibles consecuencias na industria vitivinícola

Neste proxecto fixéronse análises que puidesen determinar a posible existencia de metais en solos de viñedos da denominación de orixe Ribeiro así como nas uvas. Mediante esta análise discerniuse se hai migración destes metais desde o solo ata as uvas a través da planta contando para o desenvolvemento coa colaboración das bodegas Señorío de Beade. Por medio destas análises tratarase de establecer cales destes metais poden afectar á calidade e salubridade do produto final dado que algúns deles son susceptibles prexudicar a saúde dos consumidores ou provocar problemas de turbidez ou alteración da cor no viño.
Este é o primeiro dos catro proxectos de innovación didáctica premiados no Departamento de Química do CIFP A Carballeira. Desenvólvense prácticas de laboratorio relacionadas con control exhaustivo de calidade do viño que desembocan no manual de prácticas correspondente. Con este proxecto trátase de vincular a docencia que se desenvolve nos espazos docentes coa demanda do entorno produtivo, neste caso as catro denominacións de orixe vitivinícolas (das cinco galegas) presentes na provincia de Ourense.
O traballo céntrase no deseño e elaboración de material didáctico para realizar prácticas de laboratorio que permitan determinar parámetros de control de calidade en augas termais e minerais. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer a empregabilidade e inserción do alumnado das citadas familias profesionais neste sector. No desenvolvemento do proxecto contouse co asesoramento e cooperación da empresa Augas de Sousas.
2018-19 Técnicas analíticas aplicables ao sector alimentario
Neste proxecto de innovación didáctica trátase de entroncar o adestramento relacionado coas análises de mostras de tipo alimentario que o alumnado recibe nos laboratorios do Departamento de Química da Carballeira, coa demanda que este sector precisa de técnicos altamente cualificados. Todo isto dá como resultado o material didáctico correspondente baixo o auspicio e colaboración da empresa Aceites Abril SL.
2019-20 Métodos analíticos de control medioambiental
Esta iniciativa está relacionada coa revalorización dos aspectos medioambientais e as súas repercusións na saúde da poboación que se aprecia nos últimos anos. A sociedade exixe asumir a responsabilidade dos novos retos para resolver os problemas derivados dos factores de risco ambiental. Por iso, desde o Departamento de Química do CIFP A Carballeira, proponse asociar a docencia a esta problemática mediante a adaptación de métodos de análise de control medioambiental á docencia no laboratorio. Desta forma o alumnado pode adquirir o coñecemento e a formación axeitadas a unha demanda cada vez maior de profesionais deste tipo no sector medioambiental. O proxecto conta con Viaqua como entidade colaboradora.
FAMILIA DE INFORMÁTICA
O proxecto desenvolvido no Curso 15/16 foi o “Deseño dunha aplicación informática que simula un servizo de teleasistencia”, foi elaborado conxuntamente polo profesorado dos centros CIFP Portovello de Ourense e profesores do departamento de Informática do CIFP A Carballeira, trátase dunha aplicación informática que permite simular as tarefas que se desenvolven nunha central de teleasistencia. Para o adestramento do alumnado, creouse esta ferramenta informática que emula unha central de Teleasistencia.
FAMILIA DE SANIDADE
2021-22 Simulación 3D: condución de ambulancias en realidade virtual
O proxecto consiste no desenvolvemento dun simulador 3D de realidade aumentada que permita traballar contidos relacionados coa condución da ambulancia nun contexto controlado. Créase tendo en conta as características da contorna e segundo os protocolos de traballo reais que se empregan na actualidade no transporte sanitario en Galicia. Trátase dunha idea innovadora e unha ferramenta única no noso país que permitirá simular diferentes situacións de condución en urxencias extrahospitalarias de xeito seguro nun entorno virtual, adestrar e avaliar as destrezas adquiridas polo alumnado do ciclo de Técnico en Emerxencias Sanitarias. Isto suporá unha formación máis completa e práctica, o cal lles proporcionará unha clara vantaxe de cara ao seu futuro laboral como TES. O proxecto realízase en colaboración con diferentes entidades (FPUSG-061, DXT e Tesgalicia) e cos nosos compañeiros de informática do Curso de especialización no desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual, apoiados por asesores informáticos.
2022-23 Valoración e atención do paciente: aplicación de protocolos de actuación mediante realidade virtual 3D

A proposta consiste na creación dunha ferramenta que permita traballar protocolos completos e actualizados de avaliación do paciente en emerxencias sanitarias extrahospitalarias. Para iso, créase un simulador de realidade virtual 3D no cal, empregando dúas gafas interactivas, dous usuarios poden traballar de xeito colaborativo, tal e como traballan os Técnicos en Emerxencias Sanitarias (TES). Esta ferramenta permite, ademais, interaccionar cos obxectos da ambulancia e cun paciente realista, que responde a diferentes actuacións, ante o cal os usuarios deben reaccionar. Ademais, é autoavaliativa, polo que permite a aprendizaxe autónoma. O proxecto realízase en colaboración con FPUSG-061, FORSAGAL e Tesgalicia e cos compañeiros do Curso de especialización no desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual, xunto coa participación de programadores informáticos.
2023-24 Plataforma de adestramento didáctico en realidade estendida dunha cabina de seguridade biolóxica en rede e multiusuario
Este proxecto describe o funcionamento dunha plataforma de adestramento didáctico en realidade estendida dunha cabina de seguridade biolóxica en rede e multiusuario.
Funcionamento detallado do simulador

Presentación do proxecto premiado na feira FP Innova
Demostración do funcionamento do simulador na feira FP Innova
2023-24 ProMeTeo - Programa de vixilancia e control do Mosquito Tigre, unha ameaza sanitaria emerxente en Galicia
En agosto de 2023 detectouse por primeira vez en Galicia ao mosquito tigre (Aedes albopictus), unha especie orixinaria do sueste asiático. Galicia é a única rexión do noroeste da Península Ibérica con presenza deste mosquito, exceptuando unha zona próxima a Porto (Portugal). A presenza deste mosquito supón unha ameaza para a saúde pública xa que pode actuar coma vector de diversos virus que causan enfermidades coma o dengue, o Zika, o Chikungunya ou a febre amarela. Neste contexto, no proxecto de innovación didáctica ProMeTeo deseñouse un Programa de vixilancia e control do Mosquito Tigre para ser executado en centros educativos, co obxectivo de que o profesorado e o alumnado do Ciclo Superior de Química e saúde ambiental contribúan á redución da presenza e dispersión deste mosquito e, polo tanto, colaboren na prevención e protección da saúde da comunidade educativa e da contorna.
Para facer fronte a este problema sanitario e ambiental, este proxecto contemplou a implementación de estratexias e medidas de vixilancia, prevención, control, difusión e sensibilización:
1. Vixilancia: mostraxe con diferentes trampas de mosquitos adultos na zona axardinada do centro educativo, o que permite detectar e capturar aos mosquitos tigre e mosquitos comúns que poidan estar presentes.
2. Prevención: trátase de evitar a proliferación de mosquitos neutralizando os lugares de cría de mosquitos.
3. Control:ontrol: mediante as medidas preventivas contrólase ás larvas e ás pupas, xa que son tamén consideradas medidas de control ambiental ou físico-mecánico, e mediante o uso de trampas de captura contrólase a poboación de adultos.
4. Difusión e sensibilización:
- Colaboración coa Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) do Servizo de Sanidade Ambiental (Consellería de Sanidade, Xunta de Galicia) mediante a comunicación dos datos de abundancia de mosquitos e variables ambientais obtidas no proxecto.
- Notificación das observacións de mosquitos e lugares de cría mediante fotografías a través da aplicación móbil do proxecto de ciencia cidadá Mosquito Alert.
- Xornada de divulgación e obradoiros celebrados no CIFP A Carballeira para difundir o proxecto e sensibilizar a toda a comunidade educativa.
- Exposición de póster científico o centro educativo sobre o estudo científico realizado.
- Perfil do proxecto nunha rede social onde se publican os avances que se van realizando (www.instagram.com/proxecto_prometeo). Tamén se difunde información sobre o proxecto nas redes sociais (www.instagram.com/cifpacarballeiramv) e na páxina web do centro educativo (www.cifpacarballeira.gal).

Profesor e alumnado do Ciclo Superior de Química e saúde ambiental
O proxecto resultou premiado na Resolución do 10 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se resolven os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional.









