arriba
Sábado, 21-Setembro-2024   |    Acceso privado

 

 


Departamentos

O CIFP A Carballeira está constituído por cinco departamentos didácticos: Formación e Orientación Laboral, Idiomas, Informática e telecomunicacións, Química e Sanidade. Destes cinco departamentos, os tres últimos son de familia profesional.

Departamento de Formación e orientación laboral

1. O departamento de formación e orientación laboral (FOL) é o encargado de organizar, coordinar e desenvolver as ensinanzas propias dos módulos profesionais correspondentes e as actividades que se lle encomenden, dentro do ámbito das súas competencias. O departamento estará composto por todo o profesorado que imparta o ensino propio dos módulos profesionais asignados ao departamento.

2. Son competencias do departamento de formación e orientación laboral:

a) Elaborar antes do comezo do curso académico a programación das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias e módulos integrados no departamento, baixo a coordinación e a dirección do xefe ou da xefa do departamento, e de acordo coas directrices xerais establecidas pola área de formación.

b) Promover a investigación educativa e proporlle á xefatura da área de calidade, innovación e orientación profesional actividades de formación e perfeccionamento do profesorado.

c) Organizar e realizar as probas necesarias para o alumnado con módulos pendentes e, de ser o caso, para as persoas candidatas a calquera outra proba convocada pola Administración competente.

d) Resolver as reclamacións derivadas do proceso de avaliación que o alumnado lle formule ao departamento correspondente e emitir os informes pertinentes.

e) Elaborar a programación do departamento e a memoria onde se avalíe o desenvolvemento da programación e os resultados obtidos, coas correspondentes propostas de mellora de cara ao futuro. 

f) Colaborar co departamento de información e orientación profesional nas funcións de información, asesoramento e orientación, responsabilizándose do desenvolvemento das actividades e dos programas de emprendemento e de inserción laboral. g) Aprobar a proposta de actividades complementarias da familia profesional e enviar o proxecto definitivo á secretaría do centro.

Departamento de idiomas

Son competencias deste departamento:

a) Elaborar antes do comezo do curso académico a programación das ensinanzas correspondentes ás materias e aos módulos integrados no departamento, baixo a coordinación e a dirección do xefe ou da xefa do departamento, e de acordo coas directrices xerais establecidas pola área de formación.

b) Promover a investigación educativa e proporlle á área de calidade, innovación e orientación profesional actividades de formación e perfeccionamento do profesorado. c) Organizar e realizar as probas necesarias para o alumnado con materias ou módulos pendentes e, de ser o caso, para as persoas candidatas a calquera outra proba convocada pola Administración competente.

d) Resolver as reclamacións derivadas do proceso de avaliación que o alumnado lle formule ao departamento correspondente e emitir os informes pertinentes.

e) Aprobar a proposta de actividades complementarias do departamento e enviarlle o proxecto definitivo á secretaría do centro.

f) Elaborar o programa de promoción de linguas estranxeiras. 

g) Elaborar e presentar, á fin de curso, unha memoria onde se avalíe o desenvolvemento da programación e o programa de promoción de linguas estranxeiras, así como os resultados obtidos, coas correspondentes propostas de mellora de cara ao futuro.

h) Completar, de ser o caso, a competencia lingüística do alumnado e do profesorado que participe en programas internacionais.

i) Promover actuacións en colaboración coa persoa coordinadora da biblioteca do centro integrado. 

Departamentos de familia profesional (Informática, Química e Sanidade)

Son competencias dos departamentos de familia profesional:

a) Proporlle á xefatura da área de formación as medidas organizativas necesarias para un axeitado funcionamento das actividades formativas que desenvolva o departamento.

b) Elaborar antes do comezo do curso académico a programación das ensinanzas correspondentes, baixo a coordinación e a dirección do seu xefe ou da súa xefa de departamento, e de acordo coas directrices xerais establecidas pola área de formación.

c) Organizar e realizar as probas necesarias para o alumnado con módulos pendentes e, de ser o caso, para as persoas candidatas a calquera outra proba convocada pola Administración competente.

d) Resolver as reclamacións derivadas do proceso de avaliación das ensinanzas propias da familia profesional, logo de informe do equipo docente correspondente, e remitir o pertinente informe á dirección do centro.

e) Proporlle á xefatura da área de formación a distribución horaria entre os membros da familia profesional.

f) Promover accións de investigación educativa e proporlle á xefatura da área de calidade, innovación e orientación profesional as actividades de formación e de actualización do profesorado.

g) Promover as accións emprendedoras entre o alumnado e proporlle ao departamento de información e orientación profesional a inclusión de posibles emprendedores nos correspondentes programas, así como colaborar nos estudos de inserción laboral.

h) Aprobar a proposta de actividades complementarias da familia profesional e enviar o proxecto definitivo á secretaría do centro.

i) Elaborar a programación do departamento e a memoria en que se avalíe o desenvolvemento da programación e os resultados obtidos, coas correspondentes propostas de mellora de cara ao futuro.

j) Colaborar cos restantes departamentos do centro integrado na formulación de propostas de actividades de formación para o emprego.