arriba
Xoves, 13-Febreiro-2025   |    Acceso privado

 

 


Blog/novas

Semana do origami [15/11/2024]

Bos días membros da comunidade educativa da Carballeira!

O día 11 de novembro celébrase o Día Mundial do Origami, un arte milenario co que elaboramos marabillosas figuras só dobrando follas de papel.

Durante esta semana estivestes elaborando diferentes figuriñas cos patróns que vos deixamos e saíron auténticas preciosidades: pikachus, flores de loto, canciños, cabalos, cangrexos, dragóns... Moitísimas grazas a todas as persoas que participastes!

 img#48863

Para rematar con esta semana, deixámosvos aquí unhas pequenas curiosidades acerca desta tradición:

  • A súa orixe é xaponesa. Aínda que a súa historia está entralazada coa evolución do papel (China), foi en Xapón onde dobrar papeis sen cortar nin pegar se converteu nunha tradición cultural
  • Inicialmente as distintas figuras eran realizadas para acompañar ofrendas relixiosas, polo que xurdiu cun significado ceremonial
  • A grulla é a figura máis emblemática e está asociada coa esperanza e a lonxevidade, e segundo unha lenda xaponesa, aquela persoa que logre facer mil grullas terá un desexo cumprido
  • Actualmente o récord Guinness da figura máis grande do mundo tena unha grulla xigante de 81,94m. Para realizalo foi necesario utilizar unha folla de papel de máis de 1600m2

Agora xa sabedes algo máis sobre esta tradición convertida actualmente en pasatempo popular. Esperamos que desfrutarades da elaboración das vosas figuriñas. Non vos esquezades de que para aquelas persoas que participastes temos unha pequena sorpresa!


Benvido curso 2024/205 [24/10/2024]

Bos días membros da comunidade educativa da Carballeira!

Con esta entrada inauguramos o noso apartado de blog/novas. O 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, e que mellor forma de celebralo que coa presentación da nosa Carbateca.

Durante todo o mes estivemos realizando pequenas visitas cos grupos de 1º á Biblioteca, para ensinarvos os diferentes recursos dos que dispomos... e ti, xa viñeches? Quedouche claro todo o que temos á túa disposición? Xa sabes que podes facer recomendacións e suxestións sobre que recursos mercar?

Por se ese día non viñeches a clase, o primeiro que imos facer é convidarche a ir ata a mesma e botar un ollo en todo o que hai. Ademais, se falas co profesorado de garda dese momento ou con Mariña, a responsable da Biblio, poderás coñecer todo o que ofertamos.

O segundo que faremos é deixarvos aquí un mini-resumo do que podes atopar na Biblio... aí vos vai!:

  • Libros de lectura en castelán, galego, inglés e portugués. Atoparedes distintos xéneros como novela policíaca, fantasía, poesía ou manga. Tamén, no estante da entrada, poderedes ver libros relacionados coa divulgación científica.
  • Libros científico-técnicos. Os exemplares de referencia para as distintas materias que se imparten no centro.
  • Libros de texto. Para botarlle un ollo ós que vos recomendan as vosas docentes, ou para ver o que dan noutros ciclos.
  • Dispositivos de lectura electrónica. Seis dispositivos Kindle que actualmente teñen á vosa disposición 94 libros diferentes, en galego e castelán.
  • Ordenadores de sobremesa e ordenadores portátiles. Para uso na Biblioteca sen necesidade de reservalos.
  • Tablets. Na zona dos sofás atoparedes dúas tablets coa subscrición á “La Voz de Galicia” y a “El País” en dixital.
  • Tableta gráfica Wacom. Poderedes solicitarlla ó profesorado de garda para o seu uso na Biblio, como por exemplo, debuxar en dixital.
  • Xogos de mesa. Para que, cando vos falte un profesor, desfrutedes un anaco sen estar pendentes de apuntes, exames e demais tarefas.

En breves comezaremos a publicar máis entradas, con información variada como as normas da Biblio, as actividades/sorteos que imos realizando, etc.