O Departamento de FOL imparte tres módulos transversais dirixidos a mellorar a inserción dos alumnos de Formación Profesional no mercado laboral.
• Formación e Orientación Laboral. Este módulo permite dotar ao futuro profesional da autonomía necesaria para seleccionar oportunidades de emprego, identificando as diferentes posibilidades de inserción e as alternativas de aprendizaxe ao longo da vida, aplicar as estratexias de traballo en equipo, avaliar os riscos derivados da súa actividade e analizar as situacións de risco na contorna laboral que corresponden ao seu sector profesional.
• Empresa e Iniciativa Emprendedora. O seu obxectivo xeral é que o alumnado de formación profesional sexa capaz de desenvolver a propia iniciativa emprendedora tanto no ámbito empresarial e cara ao autoemprego, como a actitude intraemprendedora cara á asunción de responsabilidades e funcións no emprego por conta allea.
• Relacións na Contorna de Traballo. Este módulo trata de iniciar ao alumnado en habilidades co obxectivo de completar o rol profesional e preparalo para unha satisfactoria inserción laboral.
Prema na seguinte ligazón para acceder no Metaverso do Dpto. de FOL do CIFP A Carballeira
Validacións dos Módulos de FOL e EIE
O alumnado matriculado en ciclos formativos dos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), poderá validar:
• O módulo profesional de FORMACIÓN E ORIENTACIÓN LABORAL, ou o módulo de EMPRESA E INICIATIVA EMPRENDEDORA, de ter aprobado o mesmo módulo en calquera dos ciclos formativos correspondentes aos títulos establecidos ao abeiro da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio.
• O módulo de Formación e Orientación Laboral, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias:
1º. Se acredita ter superado o módulo profesional de Formación e orientación laboral establecido ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se acredite a formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.
2º. Se achegua o título de técnico superior en Prevención de Riscos Profesionais aprobado segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.
3º. Se obtivese a acreditación de todas as unidades de competencia incluídas no título, mediante o procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, se acredite, polo menos, un ano de experiencia laboral e se estea en posesión da acreditación da formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación e da acreditación das unidades de competencia incluídas no título debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.
Para obter máis información prema na seguinte ligazón