Premio ás empregadas públicas en innovación
As profesoras do CIFP A Carballeira, Beatriz Mira Miñones e Noelia Fernández Vázquez, compañeiras do departamento de Sanidade, veñen de recoller, por segundo ano consecutivo, un Premio ao empregado/a público/a innovador do ano 2023.
Nesta V edición, presentáronse 24 solicitudes dun total de 10 consellerías. A categoría de Temática máis innovadora recoñece os proxectos innovadores que xa foron realizados ou están en curso.
Nesta categoría é onde as docentes acadaron, no ano 2022, o terceiro premio co proxecto de innovación Simulador 3D: Condución de ambulancia en realidade virtual.
Porén, este ano 2023 acadaron o segundo premio co proxecto Valoración e atención do paciente: Aplicación de protocolos de actuación mediante realidade virtual 3D. Este innovador proxecto pon en práctica os protocolos de asistencia sanitaria que teñen que realizar os Técnicos en Emerxencias Sanitarias (TES) en situacións de urxencias extrahospitalarias. Para iso, un simulador 3D no cal poden interactuar dous alumnos/as ataviados/as con gafas de realidade virtual amosa a situación do paciente dunha forma o máis realista posible, de xeito que o alumnado poida identificar os signos e síntomas deste, recoñecer cambios e actuar en consecuencia segundo un contexto. Ditas actuacións serán recollidas polo simulador, xerando, de maneira interactiva, respostas que poderán ser observables e medibles no paciente, de xeito que o alumno ou alumna terá unha retroalimentación inmediata da súa actuación.











