
Charla. Intelixencia artificial para a vida cotiá: mitos, realidades e oportunidades.
O pasado 14 de maio tivo lugar en Espazo +60 Ourense unha actividade na que colaborou o noso centro cos relatorios do profesor Xan González Salgado e do estudante Andrés Blanco Ferro.
A actividade consistiu nunha charla na cal se pretendeu achegar á xente ao mundo da intelixencia artificial (IA) de xeito sinxelo e práctico desmontando mitos e medos comúns. Tratouse a IA como unha ferramenta útil xa presente nas nosas vidas e como pode ser utilizada para facilitar tarefas, especialmente a persoas maiores de 55 anos.
Presentáronse proxectos desenvolvidos en universidades (no propio campus de Ourense) e noutros organismos moi próximos a nós: Proxecto Polydeep (detección de cancro colorrectal), a vida con Alexa (Cruz Vermella) e outros. Asemade, fíxerónse demostracións usando Echo Dot Alexa para a simplificación de tarefas cotiás e distintos casos de uso de ChatGPT.
Por outra banda, deuse unha visión do que supón o uso da IA na mocidade e como lle pode axudar ao desenvolvemento de tarefas (en moitos casos académicas) facilitando a busca de información, a xeración de contidos, a tradución de textos ou mesmo o apoio na programación e resolución de exercicios.
Tamén se reflexionou sobre a importancia dun uso crítico e ético destas ferramentas, co fin de evitar a dependencia excesiva e fomentar o pensamento propio, o contraste de fontes e a creatividade individual. Neste contexto, a IA preséntase como unha aliada potencial no proceso educativo, sempre que se empregue con responsabilidade e supervisión adecuada.