Visita institucional ao CIFP A Carballeira que pon en valor a FP e a innovación educativa
Co gallo da apertura do curso académico onte recibimos a visita do subdelegado do goberno en Ourense, Eladio Santos e da Directora Xeral de FP, Eugenia Pérez e na que tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o xefe territorial de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro e o inspector do centro Rubén Veloso , nun acto que serviu para destacar o papel fundamental da Formación Profesional como motor de desenvolvemento económico, innovación e empregabilidade en Galicia.
Durante o percorrido polas instalacións, o equipo directivo acompañou ás autoridades polos diferentes talleres e laboratorios, onde se puxo de manifesto a importancia da aprendizaxe práctica, da actualización tecnolóxica e da colaboración co tecido empresarial da contorna.
Un dos momentos máis salientables da visita foi a presentación dos proxectos de innovación premiados e desenvolvidos no centro:
- Plataforma de adestramento didáctico en realidade estendida dunha cabina de seguridade biolóxica en rede e multiusuario.
- Simulación 3D: condución de ambulancias en realidade virtual.
- Plataforma de simulación haptica en realidade estendida para o adestramento en identificación de sintomatoloxías de urxencias sanitarias (en proceso de desenvolvemento durante este curso académico).
Estes traballos, realizados polo profesorado e alumnado en equipos multidisciplinares, exemplifican a capacidade da FP para dar resposta a retos reais, fomentar a creatividade e xerar solucións con impacto social e empresarial.
As autoridades felicitaron ao profesorado e ao alumnado polo esforzo e o compromiso amosado, subliñando que a Formación Profesional galega é hoxe unha opción de presente e de futuro, cunha oferta adaptada ás necesidades do mercado laboral e orientada a mellorar a empregabilidade da mocidade.
Dende a o equipo directivo do centro queremos agradecer a visita e reiterar o noso compromiso coa calidade educativa, coa innovación e coa formación dunha cidadanía preparada para afrontar con éxito os desafíos dun mundo en constante transformación.












