Participamos na II Feira Educativa de Ourense
O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel participou activamente na II Feira Educativa de Ourense celebrada os días 25 e 26 de marzo, un evento de referencia para dar a coñecer a oferta formativa dos centros educativos da provincia e achegar o alumnado ás diferentes opcións académicas e profesionais.
Durante a feira, o centro desenvolveu diversas actividades orientadas á promoción dos ciclos formativos pertencentes ás familias profesionais de Informática e comunicacións, Química, Seguridade e medio ambiente e Sanidade. Estas propostas permitiron ás persoas asistentes coñecer de primeira man os contidos, saídas profesionais e competencias que se adquiren en cada unha destas especialidades.
No espazo dedicado á familia de Informática e comunicacións, realizáronse demostracións prácticas relacionadas co desenvolvemento de aplicacións en linguaxe natural, demostracións de funcionamento de impresoras 3D de alta gama e cortadoras láser, espertando un grande interese entre o público máis novo.
Pola súa banda, o departamento de Química presentou experimentos sinxelos e atractivos que puxeron en valor a importancia desta ciencia na vida cotiá, na innovación e nos ámbitos industrial e científico, xerando moita expectación entre o alumnado asistente.
En canto á familia de Seguridade e medio ambiente, leváronse a cabo actividades de concienciación sobre a protección do entorno e a prevención de riscos, enfocándose na presentación do galardoado proxecto ProMeTeo - Vixilancia e control do mosquito tigre, coa participación de alumnado do CS de Química e saúde ambiental.
O departamento de Sanidade destacou con demostracións vinculadas aos coidados básicos das persoas, primeiros auxilios e atención sanitaria e farmacéutica, tratándose de actividades moi ben valoradas polas persoas visitantes.
A participación do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel nesta feira reafirma o seu compromiso coa innovación e a orientación académica e profesional do alumnado, así como coa difusión dunha formación profesional de calidade, adaptada ás demandas actuais do mercado laboral.



















