
O CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel recibe o Premio Nacional eTwinning 2026
O CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel, de Ourense, acadou o Premio Nacional eTwinning 2026 na categoría 5, outorgado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, polo proxecto “Traditional Jobs and Cultural Heritage: Sustainability as a Bridge Connecting the Past and Future”. A iniciativa centrou a súa atención nos oficios tradicionais e no seu valor como opción de futuro nun contexto máis sustentable.
A proposta estivo coordinada pola profesora Nuria Regina Fortes Pintos, coa participación dos docentes Víctor Manuel Alonso Rodríguez e María Teresa Rodríguez Rigueiro. Nesta iniciativa colaboraron centros de Francia, Grecia e Turquía, xunto co IES Pazo da Mercé. A iniciativa tamén se vinculou ao Plan Proxecta+ da Consellería de Educación, implicando activamente a alumnado, profesorado e familias.
No ámbito da Formación Profesional, integrouse en módulos como Itinerario Persoal para a Empregabilidade, Sustentabilidade Aplicada ao Sistema Produtivo e Programación. Participaron os Ciclos Formativos de Grao Superior de Química e saúde ambiental, Desenvolvemento de aplicacións web e Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma. Apostouse por unha metodoloxía activa, especialmente pola aprendizaxe baseada en proxectos, cun enfoque práctico e próximo á realidade laboral.
O alumnado traballou de maneira colaborativa empregando o inglés como lingua de comunicación real, utilizándoo para coordinar tarefas e compartir o traballo cos outros centros. Como resultado, elaboraron unha revista dixital con materiais didácticos e desenvolveron contidos propios en formato dixital, entre eles unha contorna virtual inmersiva , ademais de diversas plataformas interactivas.
Durante o proceso abordáronse cuestións como a viabilidade económica dos oficios tradicionais na actualidade e a igualdade de xénero nos distintos ámbitos profesionais, en relación cos obxectivos de desenvolvemento sustentable e coas demandas do mercado laboral.
En conxunto, a experiencia permitiu reforzar as competencias profesionais e persoais do alumnado. Melloraron as habilidades dixitais, a comunicación en lingua estranxeira e o traballo en equipo. Ademais, o centro incrementou a súa visibilidade internacional e a súa participación en iniciativas colaborativas.
Os medios de comunicación fanse eco desta importante nova:
🔗 La voz de Galicia [02/05/2026]










