arriba
Sábado, 23-Outubro-2021   |    Acceso privado

 

 


Quen somos


Orixes

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel ten a súa orixe nunha Orde do 11 de novembro de 1969 (BOE 27 novembro 1969) mediante a cal se crea a Escola de Mestría Industrial de Ourense, na que se impartían as ensinanzas de Formación Profesional Industrial correspondentes ao Grao de Mestría na Sección Mecánica da rama do Metal e na rama de Electricidade. Polo que se refire ó Grao de Aprendizaxe, as súas ensinanzas comprendían as seguintes especialidades: Mecánica do automóbil na rama do Automobilismo; Instalador-montador na rama de Electricidade, e Delineante industrial e Delineante da Construción, na de Delineantes.

A súa creación deu resposta ao establecido no Capítulo Terceiro da Lei 14/1970, de 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa e ao Plan Escolar de Galicia.


Politécnico

Por medio do Decreto 2206/1975, de 23 de agosto (BOE 20 setembro 1975) pasou a denominarse «Instituto Politécnico de Formación Profesional» debido á diversidade de especialidades que nel se impartían.

Posteriormente, o centro foi acollendo novas ramas e especialidades, como a Administrativa e Comercial, ata que o seu propio crecemento natural deu lugar a novos centros de FP como o Instituto «A Farixa» (curso 1981/82), centro que se iniciou co propio profesorado e alumnado das especialidades de Delineación e Electrónica procedentes do Instituto Politécnico.

No curso 1987/88 as ramas de Metal e Electricidade foron desprazadas ao Instituto «12 de Outubro» e implantáronse, no noso centro, novas especialidades: nomeadamente, na rama Sanitaria as de Laboratorio, Prótese Dental e Enfermaría. Ampliouse, asemade, a rama Administrativa coa especialidade de Informática de Xestión.


IES

 img#63628

No curso 1998/99, debido a implantación do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) no centro, trasladouse ao IES Universidade Laboral a rama de Automoción. Pasou a ser, entón, un Instituto de Secundaria coa nova denominación de «IES A Carballeira».

Como consecuencia das sucesivas ampliacións e modificacións da oferta educativa, procedeuse e ampliar e reestruturar o edifico. Inicialmente foi construída a ala frontal Oeste e a zona de obradoiros (destinada na actualidade a aulas polivalentes e laboratorios da Familia de Química e Sanidade). No ano 1996 levouse a cabo a construción do polideportivo cuberto. Posteriormente ampliouse a zona que hoxe ten dúas plantas. Os obradoiros de electricidade e metal reconvertéronse en laboratorios da rama de Sanidade (1988).

A finais do curso 2011/12 mudou de nome pasando a chamarse IES A Carballeira-Marcos Valcárcel como homenaxe ao que fora profesor do centro e historiador, Marcos Valcárcel López.


CIFP

No curso 2013/14 desapareceron as ensinanzas de ESO e de Bacharelato do IES ao converterse nun centro integrado de formación profesional a través do Decreto 49/2013, do 21 de marzo, polo que se crean e se transforman institutos de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 25 marzo 2013). Pasa, deste xeito, a integrarse na Rede Galega de Centros Integrados. Nese curso 2013/2014 dá a benvida á incorporación da Familia Profesional de Química, que veu a acompañar ás xa tradicionais de Informática e Sanidade.

 img#46449O ano 2019 supuxo o 50º aniversario do nacemento do Centro Integrado de Formación Profesional «A Carballeira» de Ourense. Foron diversas as xeracións de mozos e mozas, homes e mulleres que depositaron no noso centro a súa confianza nunha formación profesional sólida, seria, garante de respostas eficientes ao máximo nivel de esixencia e actualidade, unha formación profesional moderna, adaptada ás necesidades do tecido produtivo ourensán, galego, español, europeo e internacional.

No curso 2020/2021 incorpóranse ao noso centro ensinanzas da Familia Profesional de Seguridade e Medio Ambiente, coa impartición do CS de Química e Saúde Ambiental e o Curso de Especialización en Cultivos Celulares, ampliando a oferta formativa actual, que abrangue Formación Profesional en réxime ordinario, modular, de persoas adultas, distancia e dual .

O noso centro é pioneiro en innovación tecnolóxica, científica, didáctica e solidaria. Boa proba diso son os programas internacionais nos que participamos (Comenius, Erasmus,..) ou os seis premios á innovación didáctica e científica recibidos que fan do noso centro un referente na Formación Profesional.